Amosando publicacións coa etiqueta Carballo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carballo. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de febreiro de 2018

Patricia Mañana Borrazás - Un descubrimento arqueolóxico sorprendente.


NOME: Patricia Mañana Borrazás                     

DATAS: 1975 – Actualidade              
Fotografía "La Voz de Galicia"
                                                         

VIDA:

Naceu na Coruña, mais sempre se sentiu carballesa. A súa nai era de San Miguel de Vilela, lugar onde ela planea ir vivir.

En Vilela hai un castro, algo que a Patricia, de nena, lle chamou moito a atención, e que a marcou tanto coma para acabar estudando a carreira de Historia na Universidade de Santiago.


EN QUE DESTACOU:

Patricia foi quen descubriu os Petroglifos de Corme. No ano 1997 para levar a cabo un traballo persoal na Universidade, desplazouse a Corme. Pasou tempo andando polos montes da zona, e preguntando aos vecinos. E un día atopou a estación de petroglifos da Fieiteira, e tamén descubiru o Petón da Compañía.

Aqueles descubrimentos foron moi importantes, tanto polo tipo de petroglifos e os motivos que teñen, coma pola cantidade que hai.

Cando rematou a carreira empezou a traballar na Universidade de Santiago, espcializouse en megalitismo e na aplicación das tecnoloxías ao estudo do patrimonio.
A asociación cultural Colectivo a Rula fai visitas guiadas para coñecer os petroglifos de Corme.


xoves, 25 de xaneiro de 2018

Cristina Rodríguez - Unha rockeira entre gaiteiros.


NOME: Cristina Rodríguez                      

DATAS: 19XX – Actualidade                                                                       

Fotografía "La Voz de Galicia"


VIDA:

Naceu en Carballo, nunha familia moi ligada á música, a dos Mestres artesáns da gaita de “Musical J&R”.

Ten a carreira de música e varios mástres en música clásica, mais o que realmente lle gusta é o rock e o heavy.

Con tres anos xa tentaba tocar nun teclado de xoguete, e aos cinco anos comezou a ir a clases de música.


EN QUE DESTACOU:

Dende sempre destacou na música, e a día de hoxe é a única teclista española de “Rocking´1000”, a banda de músicos máis grande do mundo, composta por 1200 músicos de todo o mundo, na mentras, sigue formándose como música cos mellores Mestres.

A pesar de non seguir os pasos da familia, e decantrase por un estilo tan diferente, a súa familia está moi orgullosa dela, van vela aos concertos sempre que poden, e di que o seu pai é o seu maior fan.


OUTROS DATOS:

Dende o ano 2016 é educadora de nenos en risco de exclusión social no Fogar Santa Margarida da Coruña, alí vai todos os sábados como voluntaria a dar clases de música.

venres, 19 de xaneiro de 2018

Xanel Vecino - Investigando para unha agricultura máis sostible.


NOME: Xanel Vecino Bello                     

DATAS: 19XX – Actualidade         
                                                              

VIDA:

Nacida en Carballo. Estudou Enxeñería Química.

Actualmente vive en Vigo e traballa no departamento de enxeñería química da Universidade desa cidade.



EN QUE DESTACOU:

Cando facía a súa tese de doutoramento fixo un gran descubrimento, logrou convertir os residuos das vides e do millo en deterxentes e outras substancias naturais utilizadas na industria cosmética e farmacéutica.

Actualmente continua con estas investigacións, nas que logrou que extraer esas substancias teña un coste menor, a corde ás necesidades do mercado, de tal xeito que resulte interesante para as industrias.

Estas investigación permiten darlle un valor aos residuos das colleitas de vide e millo, que soen queimarse vertendo á atmosfera contaminantes que contribuen ao efecto invernadoiro. Permitindo que a agricultura sexa máis sostible.

Chicha Calvo - A solidaridade a súa gran vocación.


NOME: María Dolores Calvo Pumpido (Chicha Calvo)

DATAS:19XX – Actualidade           
Fotografía "La Voz de Galicia"
                                                            

VIDA:

Chicha Calvo pertence á coñecida familia de Conservas Calvo.

EN QUE DESTACOU:

Moi coñecida por ser una persoa moi solidaria, Chicha presidiu Cáritas Bergantiños durante anos.

No ano 1991, xunto con outra xente, fundou a Asociación Antidrogas Vieiro.

Tamén foi concelleira no concello de Carballo, durante tres lexislaturas, polo Partido Independente.

Sempre foi moi afecionada ao fútbol, seguidora do Deportivo da Coruña e do Bergantiños, e na actualidade preside as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz

OUTROS DATOS:

Dáselle moi ben a cociña, e foi graza a ela que se crearon moitos dos productos da empresa Conservas Calvo, como os coñecidos callos.

xoves, 18 de xaneiro de 2018

Irmás da Caridade de San Vicente de Paúl - Traballo continuo en prol dos necesitados.


NOME: Irmás de Caridade de San Vicente da Paúl.              

DATAS: 1956 – Actualidade                                                                       


Esta congregación relixiosa, con presenza en 93 países, está en Carballo dende o ano 1956, cando María Carracedo Viña, loitou para traer algo a Bergantiños que permitise estudar ás nenas da zona que non tiñan nada. Viñeron tres irmás, hosperdáronse nunha casa da Rúa Vázquez de Parga e daban clase na zona dos Baños Vellos.

No ano 1958 o edificio onde están hoxe, xa estaba en pé, e alí acollían a fillos de emigrantes e nenas e nenos que o precisaban. Daban clases de primaria e Bacharelato, e as nenas e nenos examinábanse na Coruña por libre.

A principos dos anos 70 converteuse nun internado ao que chegaban nenas de toda a zona noroeste de España.

Anos despois seguiu a acoller nenos enviados polos servicios socias, e as irmás encargábanse de levalos á escola Fogar ou ao instituto. Eses nenos viven alí de luns a venres, e vanse na fin de semana para estar coas súas familias.

No ano 2005 esta congregación recibiu o premio Príncipe de Asturias da Concordia, polo seu traballo continuo en prol dos necesitados.

mércores, 17 de xaneiro de 2018

María Tasende -


NOME: María Tasende Cotelo.

DATAS: 1977 – Actualidade                                                                       


María Tasende naceu en Carballo, é una recoñecida actriz, cunha traxectoria de case 20 anos.


Aló polo ano 2000, María comezou a participar en obras de teatro, e a estudar para formarse como actriz. Tamén estudou danza. Ao tempo iba facendo máis traballos en teatro, curtas, e saíndo en series de televisión, tanto en Galizia coma nas de canles nacionais.


A María Tasende gústalle moito montar a cabalo e a esgrima, practicou patinaxe artístico e surf, toca a guitarra e é una gran imitadora de acentos de outros países.

martes, 16 de xaneiro de 2018

Alba Bermúdez - "A miña actividade preferida sempre foi o teatro"




NOME: Alba Bermúdez                

DATAS: 1989 – Actualidade                                                                       



VIDA:

Son Alba Bermúdez, nacín o 29 de maio de 1989 en Carballo.

Comecei a estudar os tres anos nas escolas do xardín o que agora mesmo é a Ludoteca. De esa etapa son os meus primeiros recordos, encantábame xogar no patio ás “Catro esquinas”, os paseos polo xardín para recoller follas no outono e sobre todo o camiño á escola en autobús! Nesta época fixen grandes amigas e amigos cos que logo tamén continuei estudando no colexio Bergantiños.

Dende moi pequena gustoume probar todo tipo de actividades e deportes pero a miña actividade preferida sempre foi o teatro. Sobre os cinco anos comecei a facer teatro con Javier Fraga, no que anos despois se chamaría Vagalume Animación.

Non recordo o título da primeira obra que fixen pero lémbrome que facía unha personaxe un pouco “traste” e que decidira romper o meu chándal favorito para usar como vestiario. Caérame unha boa bronca!

Con dezasete anos comecei a estudar teatro en Casa Hamlet con Manuel Lourenzo e posteriormente mudeime a Vigo para realizar os estudos superiores de Arte Dramática na ESAD. Alí fixen grandes compañeiras e compañeiros entre eles Tone Martínez co que no ano 2015 crearía a Compañía deTeatro Galeatro con sede en Carballo pero antes diso vivín dous anos en Madrid onde estudei dúas maestrías.

Actualmente traballo como actriz en varios proxectos teatrais e imparto clases de teatro en varios centros e asociacións.
Texto recollido tal e como o enviou a propia Alba Bermúdez.

domingo, 14 de xaneiro de 2018

Rosalía Fernández Rial - A perfecta fusión entre literatura escrita e linguaxe escénica.


NOME: Rosalía Fernández Rial.            

DATAS: 1988 – Actualidade   .

    
                                                                

VIDA:

Nacida en Carballo, Rosalía estudou Filoloxía e está doutorada en didáctica das linguas e expresión dramática pola Universidade de Santiago de Compostela

 

EN QUE DESTACOU:

Estudou e toca o acordeón, fai teatro e sobretodo escribe, destacando na poesía.

Algúns dos seus libros máis destacados son;

En clave de sol (2009).

Átonos (2011).

Vinte en escena, (2012).

Un mar de sensacións (2012).

Ningún amante sabe conducir (2014).

Contra-acción , (2016) ou Sacar a bailar (2016).

 

A súa obra de ensaio máis relevante é Aulas sen paredes, un libro DVD sacado no ano 2016

Actualmente está a traballar en proxectos nos que fusiona a literatura e as artes escénicas.
 
Para visitar a web de Rosalía preme AQUI.

sábado, 13 de xaneiro de 2018

Karina Pombo - "Non podes pedir nada ao mundo se ti aínda non lle deches nada a el"


NOME: Karina Pombo García                 

DATAS: 1988 – Actualidade          
                                                             

VIDA:

Naciu na parroquia de  Ardaña. Estudou Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, e logo foise cunha beca Erasmus a Italia. Unha vez licenciada estivo varios  meses en Londres aprendendo inglés mentres traballaba nun hostal.

Conseguiu una beca de investigación que a levou a vivir a cabalo entre Melbourne e Dresde, lugar onde reside na actualidade e onde traballa coma investigadora na Asociación Helmohtz-Wissenchaft

EN QUE DESTACOU:

No ano 2013 participou en Berlín na conferencia “Falling Walls” (Derrubando Muros). Nesta conferencia participan cen mozas e mozos de todo o planeta presentando as súas ideas para mellorar o mundo, e ese ano Karina tivo o privilexio de estar entre esas cen.

O seu proxecto era sobre como detectar o cancro nunha fase inicial e evitar que avance. Logrou o cuarto posto na conferencia.

Sigue a traballar de investigadora, centrada na prevención e curación do cancro. E publicou artigos de divulgación sobre o tema en prestixiosas revistas de ciencia.


OUTROS DATOS:

O seu consello para todas as mozas e mozos é; “Non hai que ter medo. Que fagan moitas cousas distintas e aprendan de todo. Que non lle caian os aneis por traballar fregando pratos ou limpando. Non podes pedir nada ao mundo se ti aínda non lle deches nada a el”.

xoves, 11 de xaneiro de 2018

Cristina Abelleira - "A comunicación é a miña gran paixón"


NOME: Cristina Mª Abelleira Martínez  


DATAS:1968-Actualidade   





Chámome Cristina Mª Abelleira Martínez. Nacín o 25 de febreiro de 1968 e son a primeira carballesa da miña familia. Tanto miña nai coma meu pai naceron no concello de Abadín (Lugo), e tamén miña irmá, pero pasaron case toda a súa vida aquí, así que sempre se sentiron carballeses. Meu pai faleceu no ano 2005.
Con respecto aos estudos, o meu primeiro contacto co ensino foi no colexio das monxas, aínda que non estiven moito tempo. Con 4 anos xa empecei na escola da Braña, fixen a EXB no Fogar (daquela Francisco Franco) e BUP e COU no IES Alfredo Brañas. Unha das cousas que sempre me chocaron é que mentres na escola de infantil estabamos mesturados nenos e nenas, en EXB separáronnos. As nenas entraban por unha porta e os nenos por outra, estabamos en bloques diferentes do cole, e ata no recreo intentaban facer os profes unha especie de barreira para que non xogásemos xuntos. A cousa cambiou pronto, non lembro exactamente en que curso, pero se non me equivoco en 5º ou 6º xa estabamos xuntos outra vez.
Cando rematei COU fun estudar á Universidade do País Vasco, ao campus de Leioa, onde me licenciei en Ciencias da Información-Especialidade Xornalismo. En realidade no País Vasco estiven 3 anos, porque cando rematei 3º xa empecei a traballar na delegación de La Voz de Galicia en Carballo, e fixen 4º e 5º case a distancia, indo só a facer os exames. Durante catro anos, do 1994 ao 1998, presentei en Radio Voz Bergantiños o magacín "Voces de Bergantiños". Xa colaboraba antes na radio, pero aquela foi toda unha experiencia, da que gardo excelentes recordos, porque a radio sempre foi o meu medio de comunicación favorito. No xornal estiven 23 anos e 9 meses, ata que decidín, por diversos motivos, deixalo.
Despois de 3 meses no paro, en xaneiro do 2014 dinme de alta como autónoma. Os meus primeiros clientes foron o Concello de Malpica, o BNG de Carballo e a Asociación Cultural San Xoán, aos que estarei sempre agradecida pola confianza que depositaron e seguen a depositar en min. Desde xaneiro de 2017, despois de gañar un concurso público convocado polo Concello de Carballo, encárgome do gabinete de comunicación do noso concello, o cal é unha enorme responsabilidade e tamén un orgullo, porque eu son das que pensa que temos que presumir do noso e intentar que o noso pobo, o lugar onde eliximos vivir, sexa cada día un pouco mellor, e que cada unha e cada un, desde os nosos traballos ou os nosos fogares, podemos contribuír a que sexa así.
A comunicación é a miña gran paixón, probablemente a que máis horas ten consumido da miña vida. Agora teño outra moito máis grande, que ten dous anos e medio e chámase Saúl.
Como persoa, son una firme defensora da igualdade, da tolerancia, do respecto e da educación para poder construír un mundo mellor. 

Texto recollido tal e como  enviou a propia Cristina Abelleira.
Páxina "Comunicar", da axencia de Cristina Abelleira




mércores, 10 de xaneiro de 2018

As Mártires de Sofán.


NOME: AS MÁRTIRES DE SOFÁN.      

DATAS: 16 de febrero de 1919.

 


 
A HISTORIA:

Sofán é unha parroquia que ata a primeira década do século XX era a máis poboada do concello de Carballo, máis incluso que a propia capital municipal.

A gripe de 1918, moi estendida pola primeira guerra mundial, foi  a máis mortal do século causando millóns de mortos. Neste contexto no concello  decídese a construción dun novo cemiterio.

A maioría dos veciños opóñense a construción do novo cemiterio e prefiren a ampliación do vello. A Xunta Local de Sanidade e o concello clausuran o cemiterio vello en novembro de 1918. A xente non está conforme  e segue enterrando aos mortos no cemiterio vello ata que estala o conflito o domingo 16 de febreiro de 1919 en que se ía a enterrar a un neno de catro anos. A Garda Civil, con algún matóns, intenta parar a comitiva fúnebre mais a poboación oponse e a resposta da Garda Civil foi salvaxe sendo o resultado catro mulleres mortas e varios feridos.

As asasinadas foron: María Caamaño Pallas, que tiña sete fillos e estaba embarazada, Carmen Veira Souto, con catro fillos, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato.     

Houbo moitas protestas, intentouse facer manifestación en Carballo que o poder caciquil impediu, pero si se fixeron na Coruña a pesar de que moitos carballeses non puideron ir pois o terror apoderouse da capital de Bergantiños. Nos locais da Irmandade da Fala da Coruña celebrouse un mitin onde se falou deste tema.

Castelao recolle este caso no seu álbum Nós, e tamén na obra “Memorias dun Esqueleto”.

O concello de Carballo na II República, propuxo construír un monumento ás mártires de Sofán por suscripción popular, comezando o propio concello cunha cantidade determinada. En Carballo despois no bienio negro paralizouse a iniciativa e logo a máis negra ditadura franquista imposibilitou levar a cabo esa homenaxe.

 

Extraído dun escrito de Xan Fraga Rodríguez que podedes ler premendo AQUÍ.

María Bardanca - Mellor futbolista da historia de Carballo


NOME: María Varela Bardanca.             


DATAS: 1972-Actualidade      
                         
Fotografía "La Voz de Galicia"


VIDA  

Naceu en Carballo, criouse na Rúa Rosalía de Caatro, onde xogaba cos demáis nenos da zona. Conta que iban camiñando cara a escola e xa iban argallando as pachangas para o recreo e para a tarde. Daquelas o habitual era que os nenos máis maiores tiveran conta dos pequenos, o seu irmán levábaa con él e sentábaa a mirar como xogaban ao fútbol, e xa de máis maior, se lles faltaba un para xogar metíana a ela. Así foi nacendo a súa paixón polo fútbol.


EN QUE DESTACOU:

Destacou no fútbol sala.

Con 13 anos comezou a entrenar no Karbo  da Coruña, aínda que non podía competir, xa que a idade mínima para eso eran os 15 anos. Alí iba entrenar coa súa amiga Chus, outra futbolista destacada de Carballo, xa falecida. Ao saír da escola as dúas collían o bus e voltaban da Coruña no último bus que volvía a Carballo.

Xogou oito tempadas no Sar Lence da Coruña, equipo que foi recoñecido coma o “Dream Team” do fútbol sala feminino. En él gañou; tres copas da Raíña, un título nacional de liga e catro galardóns coa selección autónomica.

Formou parte da selección galega e da selección nacional. Na selección nacional estivo na primeira convocatorio oficial.

Outros equipos nos que xogou foron; o Meirás (tempadas 99-00, 01-02 e 03-04), o Ourense (tempadas 00-01 e 01-02), Funeraria Apóstolo de Santiago (tempada 04-05), Aguiño de fútbol campo.

En 2007 foi nomeada mellor futbolista da historia de Carballo.

En 2008 chegou a ser seleccionadora galega de fútbol sala.


OUTROS DATOS:

Estudou INEF (ciencias da actividade física), é profesora e sigue en contacto co fútbol entrenado a nenas e nenos.