venres, 12 de xaneiro de 2018

Lupe Blanco - Recuperando a Regueifa


NOME: Lupe Blanco  (Guadalupe Blanco Vázquez).                                               

DATAS: 1980 – Actualidade  
VIDA          
                                                                                                             
Eu nacín en Montecelo

concello de Coristanco

agora son  regueifeira

e chámome Lupe Blanco


Empezo con esta copla para decirvos que son regueifeira, un arte propio da nosa cultura popular en Bergantiños que consiste na improvisación oral en verso de coplas en catro versos octosílabos que riman sempre o segundo co cuarto.

A regueifa é bonita

e ten melodía fina

quero mandar un saludo

ó colexio da Cristina


Son natural de Coristanco, do lugar de Montecelo, e herdei o amor pola regueifa de meu bisavó Blanco de Muiñoseco, un dos primeiros regueifeiros e maestro de moitos outros que viñeron atrás.

Fun pandereteira desde os seis anos, pero non foi ata o ano 2017 cando empecei a botar regueifas. Empecei nas redes sociais cunha páxina no Facebook que se chama “Regueifando pola vida”. Servía para escribilas e que a xente a fora recordando con risas. 

O gusto pola nosa tradición, xuntado con moitas horas de práctica, levaronme a empezar a cantar regueifas en público, non sen antes ter claro que estaba preparada para subirme a un escenario  e improvisar durante horas.  Intento facer rir á xente e manter unha cultura tan propia da nosa zona.

A regueifa é controversia, un diálogo entre dúas persoas que se comunican a base de coplas que riman, hai que ter inxenio e rapidez mental para cadrar a rima e que teña sentido no que queres dicir, ademáis da retranca que tanto a caracteriza.

Coa axuda da Asociación Oral de Galicia empecei a ensinar polos colexios e universidades o que significa a regueifa e de donde procede, cómo se chega a improvisar e a melodía que adoitamos a cantar.

Regueifando pola vida, páxina na que Lupe Blanco comparte a súa regueifa. 




(O texto está  recollido tal como o fixo chegar a propia Lupe Blanco)

Ningún comentario:

Publicar un comentario