xoves, 11 de xaneiro de 2018

Cristina Abelleira - "A comunicación é a miña gran paixón"


NOME: Cristina Mª Abelleira Martínez  


DATAS:1968-Actualidade   





Chámome Cristina Mª Abelleira Martínez. Nacín o 25 de febreiro de 1968 e son a primeira carballesa da miña familia. Tanto miña nai coma meu pai naceron no concello de Abadín (Lugo), e tamén miña irmá, pero pasaron case toda a súa vida aquí, así que sempre se sentiron carballeses. Meu pai faleceu no ano 2005.
Con respecto aos estudos, o meu primeiro contacto co ensino foi no colexio das monxas, aínda que non estiven moito tempo. Con 4 anos xa empecei na escola da Braña, fixen a EXB no Fogar (daquela Francisco Franco) e BUP e COU no IES Alfredo Brañas. Unha das cousas que sempre me chocaron é que mentres na escola de infantil estabamos mesturados nenos e nenas, en EXB separáronnos. As nenas entraban por unha porta e os nenos por outra, estabamos en bloques diferentes do cole, e ata no recreo intentaban facer os profes unha especie de barreira para que non xogásemos xuntos. A cousa cambiou pronto, non lembro exactamente en que curso, pero se non me equivoco en 5º ou 6º xa estabamos xuntos outra vez.
Cando rematei COU fun estudar á Universidade do País Vasco, ao campus de Leioa, onde me licenciei en Ciencias da Información-Especialidade Xornalismo. En realidade no País Vasco estiven 3 anos, porque cando rematei 3º xa empecei a traballar na delegación de La Voz de Galicia en Carballo, e fixen 4º e 5º case a distancia, indo só a facer os exames. Durante catro anos, do 1994 ao 1998, presentei en Radio Voz Bergantiños o magacín "Voces de Bergantiños". Xa colaboraba antes na radio, pero aquela foi toda unha experiencia, da que gardo excelentes recordos, porque a radio sempre foi o meu medio de comunicación favorito. No xornal estiven 23 anos e 9 meses, ata que decidín, por diversos motivos, deixalo.
Despois de 3 meses no paro, en xaneiro do 2014 dinme de alta como autónoma. Os meus primeiros clientes foron o Concello de Malpica, o BNG de Carballo e a Asociación Cultural San Xoán, aos que estarei sempre agradecida pola confianza que depositaron e seguen a depositar en min. Desde xaneiro de 2017, despois de gañar un concurso público convocado polo Concello de Carballo, encárgome do gabinete de comunicación do noso concello, o cal é unha enorme responsabilidade e tamén un orgullo, porque eu son das que pensa que temos que presumir do noso e intentar que o noso pobo, o lugar onde eliximos vivir, sexa cada día un pouco mellor, e que cada unha e cada un, desde os nosos traballos ou os nosos fogares, podemos contribuír a que sexa así.
A comunicación é a miña gran paixón, probablemente a que máis horas ten consumido da miña vida. Agora teño outra moito máis grande, que ten dous anos e medio e chámase Saúl.
Como persoa, son una firme defensora da igualdade, da tolerancia, do respecto e da educación para poder construír un mundo mellor. 

Texto recollido tal e como  enviou a propia Cristina Abelleira.
Páxina "Comunicar", da axencia de Cristina Abelleira




Ningún comentario:

Publicar un comentario